Dúas exposicións proxectan no campus a traxectoria profesional dos seus egresados e o compromiso co galego da Universidade

Exposición

DUVI | Visualizar os estudos universitarios como unha vía para facer realidade os soños profesionais e pór de relevo o papel que a investigación e divulgación científica pode xogar na difusión do galego son os obxectivos das dúas exposicións que nestas semanas poden contemplarse no campus pontevedrés. Por unha banda, a biblioteca central acolle ata finais de xaneiro os 17 cubos que integran a mostra Eu son UVigo!, no que se presentan os perfís dunha serie de persoas que acadaron recoñecemento profesional e que son egresadas da institución académica ou desenvolven actualmente a súa actividade na Universidade. Por outra, na planta baixa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación poderán verse ata finais de mes os 15 paneis que integran En galego! Investigación e divulgación científica, unha mostra dirixida a dar a coñecer as achegas dos grupos de investigación da institución académica a prol do idioma galego.