Dúas xornadas de formación co Plan Ciencia de Ida e Volta

O programa de divulgación Ciencia de ida e volta, promovido pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo (UCC+i) e co apoio da FECYT, arrancou motores o pasado mércores coa primeira das actividades programadas, un curso de formación dirixido ao persoal docente e investigador da universidade para mellorar as súas capacidades comunicativas e de divulgación. O obradoiro cubriu as 40 prazas nos dous días nos que se realizou.

O curso comezou cun primeiro módulo dirixido por Manuel Vicente, divulgador científico e director e presentador do programa Efervesciencia da Radio Galega. Na súa intervención achegoulles as claves para facer divulgación e actividades de cultura científica. Nesta primeira xornada do obradoiro, o segundo convidado foi Óscar Menéndez, comunicador científico e fundador de Ciencia en Redes y de Género y Comunicación de la Ciencia.

A segunda xornada foi impartida por unha totalidade de sete mulleres. Arrancou con Luisa Martínez, doutora en Ciencias do mar, divulgadora científica e responsable da UCC do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia. Actividade que se centrou na divulgación científica cun enfoque práctico.

Pechando as xornadas, a experiencia da casa, onde se expuseron tres iniciativas de divulgación actuais que o persoal da universidade está a levar a cabo: eXXperimenta en feminino, ElasFanCienTec e Te lo cuentan las matemáticas.