Dentro do proxecto Plan Anual Ciencia de ida e volta, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación, a UCC+I propuxo ao alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo ser embaixadores da ciencia e dos coñecementos que eles mesmos acumularon nas súas traxectorias vitais e tamén dos que xera a universidade onde están a formarse. Para facelo, organizáronse emparellamentos con persoal investigador, de xeito que cada un dos cinco alumnos e alumnas participantes contaron cun mentor experto no tema a tratar. Con el/ela, traballaron tanto os contidos como a forma dunha charla que presentarán en público neste mes de xuño. A idea é achegar todo este coñecemento á sociedade en xeral, levalo fóra dos campus e poñelo a disposición da cidadanía. Para isto, apostouse por impartir estas conferencias en bares e cafeterías das cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra.
En total serán cinco charlas, que comezarán en Pontevedra o vindeiro 15 de xuño, no Café Moderno ás 19.00 horas con dúas propostas. Por unha banda, o alumno José Meilán García explicará os motivos polos que camiñar é unha das mellores medicina para o home. Para preparar esta exposición, Meilán contou coas achegas do investigador Iván Martínez Lemos, do Wellness and Movement Research Group, que tamén estará presente no relatorio. A segunda intervención da xornada correrá a cargo de José Moure García, que se centrará na xeopolítica e, en concreto, na alianza de nación para buscar un beneficio común. Neste caso, o investigador implicado é o profesor Luis Velasco Martínez, da Área de Historia Contemporánea do Departamento de Historia, Arte e Xeografía.
A seguinte cita será en Ourense o 20 de xuño, tamén ás 19.00 horas, en El Pueblo Café Cultural. Desta volta será a alumna sénior Antonia Blanes Hermida a que falará sobre emprendemento feminino, co asesoramento de Alberto Vaquero, investigador do grupo GEN – Governance and Economics Research Network e coordinador do PUM no campus de Ourense.
O programa concluirá en Vigo o mércores 22 de xuño ás 19 horas no Café Vitruvia, cun evento que contará tamén coa presenza da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. Nesta cita abordaranse dous temas. Por unha banda, Arsenio Gallego Chacón, estudante do programa e meteorólogo, falará sobre clima e cambio climático, co asesoramento de Xotchil Ilosvay, investigadora predoutoral de Future Oceans Lab. O segundo poñente da xornada será Manuel de Cal Zapata, que afondará na evolución da enerxía térmica coa axuda de Fernando Cerdeira, investigador do grupo ChETE – Enxeñaría Química, Térmica e Ambiental.
Agardámosvos!