Entomólogos de 13 países promoven unha rede de ciencia cidadá para coñecer o tamaño das poboacións de libélulas

Exemplar de 'Euphaea ornata'

DUVI | Aínda que o traballo desenvolvido pola comunidade científica fai posible ter cada día un maior coñecemento das preto de 6000 especies de libélulas e cabaliños do demo existentes no mundo e da súa distribución, son moi limitados os datos referidos á súa abundancia, ao tamaño das poboacións, o que pode resultar fundamental para a súa preservación. Co propósito de corrixir esta falta de información, 32 entomólogos e entomólogas de 13 países, entre os que se atopa o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, presentan, nun artigo publicado na revista BioScience, a súa proposta para constituír unha “rede global de voluntarios” que faga posible obter unha serie de datos que permitan estimar a abundancia das poboacións e detectar posibles variacións.