Enxeñaría de Telecomunicación amosa ao público 14 proxectos de innovación desenvoltos polo alumnado que está a piques de titularse

Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

DUVI | Cada final de curso a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación saca peito dos proxectos de innovación realizados polo alumnado que está a piques de titularse. Faino a través dos LPRO Days, unha iniciativa na que as alumnas e alumnos de último curso do grao presentan os traballos desenvolvidos na materia Laboratorio de proxectos. Nesta ocasión preséntanse 14 proxectos de innovación, realizados por 84 estudantes baixo a coordinación de 15 docentes e, por primeira vez, ademais de na propia escola -hoxe xoves ata o mediodía-, as xornadas celébranse tamén no Museo Verbum de Vigo. Será mañá venres, pola mañá para escolares e, xa pola tarde, para empresas e familias, que poderán tamén así asistir á entrega de premios aos cinco proxectos máis innovadores.