DUVI | Empregar residuos plásticos oceánicos para a creación, mediante impresión 3D, de compoñentes ecoinnovadores que poidan ser reutilizados pola propia industria marítima, podendo chegar a fabricalos en apenas uns minutos, tanto nas instalacións portuarias como a bordo dun barco. Esta é a filosofía coa que nace o proxecto europeo CircularSeas, un traballo financiado con preto de dous millóns de euros de fondos FEDER e no que participa como socio o grupo de investigación de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Universidade de Vigo, dirixido polo profesor da Escola de Enxeñería Industrial Julio Garrido.
A presentación do proxecto reuniu está mañá no edificio Miralles a unha boa representación de todas as partes implicadas, non só da comunidade universitaria, senón tamén do resto de organismos que, desde hai xa uns meses, están a colaborar nesta investigación e que inclúen a Autoridade Portuaria de Vigo, peza clave para o desenvolvemento deste traballo, e o Instituto Galego de Promoción Económica, Igape. De explicar os detalles do proxecto encargouse Garrido e, ao seu carón, participaron tamén nesta presentación a vicerreitora de Transferencia, Consuelo Pérez; o director do Centro de Investigación Mariña da UVigo e do Campus do Mar, Daniel Rey; o responsable de Medio Ambiente do Porto de Vigo, Alberto Jaraiz, e o director xeral do Igape, Juan Manuel Cividanes. Todos destacaron as grandes expectativas que CircularSeas esperta…