Epicovigal inicia a monitoraxe xenómica en tempo real da pandemia en Galicia

DUVI | Transcorridos catro meses desde o seu inicio, un período centrado na posta a punto e optimización dos protocolos de secuenciación do xenoma completo do SARS-CoV-2 e na recollida de máis de 2300 mostras de ARN do virus de toda Galicia, o proxecto Epicovigal entra na súa segunda fase, a de traballar no seu obxectivo principal, que é a monitoraxe xenómica en tempo real da pandemia en Galicia, “o que permitirá entender que está a pasar”, explica o catedrático da UVigo e coordinador do proxecto, David Posada. Asi mesmo, ata decembro, cando o proxecto rematará, as investigadoras e investigadores que participan no proxecto secuenciarán as mostras xa recollidas para entender que ocorreu: cando e como entrou o virus en Galicia, como circulou en cada momento dadas as medidas sanitarias, etc.