Escolares de catro colexios de Vigo achéganse ás matemáticas dun xeito comprensible, divertido e atractivo

Ciencias da Educación e do Deporte acolleu un encontro con investigadoras, no marco deste proxecto

DUVI | “No campo das matemáticas é fundamental realizar accións desde as primeiras etapas da educación, cando comezan a ser rexeitadas, e non limitarse a etapas posteriores, onde a recuperación de habilidades e interese é máis complexa”. Deste xeito pon de relevo o grupo de innovación docente MaReMa (Materiais e Recursos para as Matemáticas) a importancia de achegar esta ciencia os nenos e nenas a través de “metodoloxías educativas innovadoras que mostren as matemáticas como unha achega comprensible, divertida e atractiva”. Ese é o obxectivo do proxecto Te lo cuentan las matemáticas, que, co financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo, desenvolven ao longo do presente curso con preto de 300 estudantes de 5º e 6º de primaria de catro colexios de Vigo e un de Pontevedra. A través dos obradoiros que imparten nestes centros preto de 60 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e de encontros con investigadoras e investigadores, este proxecto busca “espertar vocacións matemáticas” entre os nenos e, especialmente, as nenas, dado o “nesgo de xénero existente neste campo”, como sinala a súa coordinadora, a profesora Marta Pérez.