Especialistas de diferentes universidades avanzan na creación dunha plataforma semiautomática para detectar datos falsos no debate político

DUVI | Xerar unha plataforma web de verificación de información orientada ao debate político é o obxectivo central do proxecto DEBATrue, que baixo a coordinación do grupo de investigación CP2 reúne no seu equipo de traballo especialistas en comunicación, desenvolvemento de aplicacións informáticas, minería de datos, modelos de confianza e reputación ou ciberseguridade de seis universidades. Gran parte deles reuníronse este luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación nunha xornada técnica dirixida a pór en común os avances na creación dunha plataforma de fact-checking que combinará un proceso de comprobación automática de parte da información coa incorporación da tecnoloxía blockchain no traballo das e os verificadores. Ademais de para a posta en común destes avances, esta xornada tiña tamén por obxecto coñecer o funcionamento doutras iniciativas de verificación, grazas á participación do responsables de Innovación da axencia Efe, Javier Marín, e de TVE, David Corral.