DUVI | Un equipo de especialistas da Facultade de Filoloxía e Tradución puxo en marcha este curso iSignos, unha nova ferramenta de consulta, aberta e gratuíta, na que se pon ao dispor de calquera persoa interesada un corpus de anotación da Lingua de Signos Española, coas súas correspondentes glosas identificativas. “Trátase dunha ferramenta que permite facer buscas de vocabulario e de exemplos do corpus”, explica a profesora Maruxa Cabeza, principal responsable dun proxecto que non só é de interese para a comunidade investigadora, senón que se revela tamén como un importante recurso de apoio a tarefas como o ensino ou a interpretación da LSE.
Para pór en marcha iSignos contaron coa “imprescindible” colaboración dun equipo de persoas xordas, expertas en LSE, que formaron parte do equipo. “O valor engadido que achegan as persoas xordas ao desenvolvemento da investigación non se limita unicamente ao seu papel como expertos na contribución ao recoñecemento dos signos, tamén serven de ponte para conseguir un acceso máis fácil ao colectivo xordo”, recalca Cabeza, quen sinala que, á súa vez, o proxecto lles achega a este colectivo un “certo empoderamento”, posto que poden contribuír a aumentar o coñecemento sobre a súa lingua e ser modelos para a súa propia comunidade.