Estudantes da EE de Telecomunicación traballan para navegar con enerxía solar en augas internacionais

Membros de CES UVigo

DUVI | Desde o ano pasado un grupo de estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo está somerxido nun desafío: a construción dun trimarán propulsado unicamente con enerxía solar. Tras rematar o corpo da embarcación o pasado xaneiro, este colectivo lanzou este mes a súa páxina webe redes sociais baixo o nome de Clean Energy Ship, CES, UVigo.

O proxecto ten a súa orixe nunha proposta do fundador da empresa Marine Instruments, Francisco Pino, que contactou coa Universidade co fin de introducir á mocidade no mundo náutico coa fabricación dun barco para participar en regatas internacionais. A idea de Pino motivou o alumnado e derivou na constitución da asociación CES UVigo, formada actualmente por dez estudantes e graduados da escola.