Estudantes de Ciencias colaborarán con entidades rurais para mellorar o procesado e conservación de froitas e verduras de proximidade

Horta

DUVI | Profesorado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense e Adercou, grupo de desenvolvemento rural que agrupa a 17 concellos limítrofes da cidade de Ourense, porán en marcha este curso académico o proxecto Conservando Km 0. Nel alumnado universitario e asociacións rurais colaborarán para mellorar o procesado e conservación de froitas e verduras de proximidade cando acadan o seu máximo de produción cada tempada.

A iniciativa é unha das once financiadas no marco da convocatoria de proxectos de innovación educativa en aprendizaxe-servizo da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo, destinada a fomentar unha metodoloxía activa centrada en que o alumnado aprenda facendo un servizo á comunidade. Lideran o proxecto as profesoras da Facultade de Ciencias Inmaculada Franco (Área de Tecnoloxía dos Alimentos), Elena Falqué (Área de Química Analítica) e Concepción Pérez Lamela (Área de Nutrición e Bromatoloxía). Para o seu desenvolvemento asinouse entre a institución académica e Adercou un convenio que dá pulo á colaboración puntual xa existente anteriormente en actividades formativas e que xorde coa idea de facilitar ao alumnado universitario o contacto con asociacións rurais e a organización de actividades de interese.