Eu de maior quero ser científica

DUVI Eu de maior quero ser profesora; eu de maior quero enfermeira; eu de maior quero ser avogada…. E, por que non un eu quero ser enxeñeira ou eu quero ser investigadora? Na elección dos estudos segue a persistir unha fenda de xénero e uns estereotipos que provocan que as mulleres apenas representen o 32% nas titulacións STEM, as relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía, como sucede na Universidade de Vigo. Mentres, o xénero feminino ten maior presenza nas outras ramas do coñecemento, como artes e humanidades (73%), ciencias da saúde (78%) ou ciencias sociais e xurídicas (60%). Para reivindicar a presenza das mulleres como motores no mundo da ciencia celébrase o 11 de febreiro o Día internacional da muller e da nena na ciencia, unha efeméride á que a Universidade se suma coa organización de múltiples actividades tanto por parte das docentes e investigadoras dos diferentes centros como dende a Unidade de Cultura Científica e da Unidade de Igualdade.