Coloquio A loita contra o lume dende o espazo

Con motivo da conmemoración da Semana Mundial do Espazo (do 4 ao 10 outubro), a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo organiza un coloquio no que tentará achegar á sociedade as investigacións realizadas desde a institución académica usando tecnoloxías como satélites, vehículos non tripulados e drones na loita contra o lume, ademais de analizar o sucedido na vaga de incendios de 2017 desde o punto de vista da xestión forestal. O coloquio, titulado A loita contra o lume desde o espazo, contará coa participación do director da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, Fernando Aguado, e o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos. A cita será o martes 8 de outubro ás 19.00 horas no museo MARCO de Vigo e forma parte das actividades do plan de acción anual da UCC+i Unha Cuestión de Ciencia.

O obxectivo é achegar a ciencia e o traballo do persoal investigador á sociedade para fomentar o seu coñecemento dos estudos que se realizan na institución académica para acabar con esta  lacra que ano a ano afecta aos montes da comunidade.