Divulgando Ciencia Singular no CIM

Divulgando Ciencia Singular

O venres 22 o CIM abre as súas instalacións do campus de Vigo e o sábado 23 as da Ecimat en Toralla, ás que se suma a posibilidade de participar nunha viaxe en barco pola ría. A finalidade é que a cidadanía coñeza a investigación mariña de vangarda que se leva a cabo na Universidade de Vigo e a súa importancia de cara á sociedade.

As persoas interesadas poderán realizar unha visita guiada ás instalacións do CIM no campus de Vigo o venres, percorrendo varios grupos de investigación no edificio de Ciencias Experimentais e no edificio Olimpia Valencia da Universidade de Vigo. Os participantes terán o reto de dar resposta a catro preguntas durante a súa visita e as e os que acerten recibirán un agasallo. Para esta visita haberá dúas quendas, unha ás 16 e outra ás 16.30 horas. O sábado poderase visitar a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, a onde se chegará nun traxecto en barco dende A Laxe. Durante o percorrido as persoas participantes poderán aprender cuestións interesantes sobre a ría de Vigo, descubrir o funcionamento dun robot subacuático e outras experiencias de investigación mariña. Para esta actividade ofértanse tres quendas, dúas de mañá, ás 09.00 e ás 12.15 e unha de tarde, ás 16.00. O programa complétase o día 29 con visitas guiadas ás instalacións do CIM no campus de Ourense, en concreto ao grupo de investigación EPhysLab, a partir das 12.00 horas.