DUVI | A Rede Localis, rede de administración local xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, analiza no seu último documento o papel que poden realizar os concellos e deputacións para combater o despoboamento do rural. A abordaxe realízase nun momento no que, destacan, a pandemia COVID-19 ten reforzado o papel da actividade agrícola e gandeira.
O traballo, titulado A problemática do despoboamento rural e o reto demográfico. Que se pode facer desde o ámbito local?, foi realizado por Virginia Losa, doutora en Dereito e secretaria de administración local, e Alberto Vaquero, profesor titular de Economía Aplicada na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e co-director da Rede Localis. Do documento, os seus autores destacan aspectos como que “España sofre unha sangría demográfica desde hai xa 40 anos”, que “o desenvolvemento da economía local dos municipios rurais debe ir máis aló do sector primario” e que “a escasa dimensión poboacional das entidades locais é un freo para a dinamización económica”.
Sobre a actual pandemia, desde a Rede Localis sinalan como a COVID-19 “permitiu volver a sinalar o importante que é a actividade agrícola e gandeira nunha situación de crise. Grazas ao traballo de empresas e profesionais que operan no medio rural púidose atender as necesidades da poboación confinada”. Así, subliñan, o acontecido “pon de manifesto a necesidade de apostar polo medio rural, á vez que se atenden aos seus retos demográficos, económicos e sociais”.