DUVI | “O ser humano sempre necesitou de símbolos cos que representar a fenomenoloxía interna e externa, formas de explicar o inexplicable”, salienta o artista e investigador Daniel Rodríguez, que centrou a súa tese de doutoramento en analizar a forma na que estes símbolos, arredor dos que “se conforman os grupos sociais e nacen os mitos e relixións”, vense representados, a través de figuras arquetípicas, nas historias fantásticas da literatura, o cinema e a banda deseñada. Heroes e antiheroes, monstros e universos de fantasía, estudados desde “a perspectiva da representación dos símbolos do inconsciente colectivo”, son o eixo dunha investigación que pon o acento na “enorme” capacidade de influencia destes arquetipos e en como foron empregados tanto para a transmisión de valores como con fins propagandísticos. Do mesmo xeito, a tese afonda tamén en como figuras arquetípicas que “serven de exemplo”, como a do heroe, vense afectadas por “estereotipos que limitan a súa universalidade”, como que de xeito maioritario sexan representados como “un home branco heterosexual”.