DUVI | O mercado laboral vai demandar perfís fundamentalmente tecnolóxicos e estímase que, en menos de dous anos, o 45% dos empregos estarán relacionados coa contorna dixital. Pola contra, a presenza de mulleres neste tipo de titulacións decrece cada ano e, a pesar de representar o 54,8% do total do estudantado no sistema universitario español, supoñen só o 25% do alumnado das titulacións técnicas. Detrás da escasa presenza de mozas nestas carreiras hai múltiples motivos, entre eles a falta de referentes femininos, que é o que quere proporcionar o programa Inspira STEAM, unha iniciativa estatal capitaneada na provincia de Pontevedra pola Universidade de Vigo e a Deputación. Trátase de achegarse aos centros educativos para dar a coñecer entre o alumnado perfís de mulleres tecnólogas que inspiren vocacións en carreiras científicas e tecnolóxicas, principalmente entre as nenas.
Inspira STEAM achegou referentes de mulleres tecnólogas a 1000 nenos e nenas de 26 colexios de Pontevedra
