Investigadoras da EE Forestal desenvolven unha metodoloxía de caracterización de masas de eucaliptos con tecnoloxía Lidar

Caracterización de masas de eucaliptos

DUVI | Identificar, localizar e coñecer as dimensións de todas e cada unha das árbores dunha explotación forestal é a principal vantaxe que o uso da tecnoloxía Lidar pode achegar aos traballos de xestión e inventariado de masas arbóreas. Non obstante, as metodoloxías de procesado das nubes de puntos xeradas pola aplicación desta tecnoloxía, baseada na emisión dunha serie de pulsos de luz láser que, tras impactar cun obxecto sólido, devolven un sinal cunhas coordenadas, non son válidas para a medición de plantacións de especies de frondosas como o eucalipto. Co propósito de favorecer a aplicación desta tecnoloxía nos montes galegos, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal desenvolveron unha metodoloxía de procesado da información xerada polo uso do Lidar a bordo dun dron adaptada ás particularidades das frondosas e, máis concretamente, ás da principal especie produtiva na comunidade.