DUVI | Música, expresión corporal, teatro e expresión plástica son os catro eixos en torno aos que se articula IntestinArte, un programa de afrontamento expresivo-emocional dirixido a persoas con enfermidade inflamatoria intestinal que o grupo de investigación en Educación, Actividade Física e Saúde GIES10, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, desenvolve xunto coa Unidade de EII do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), integrada no grupo de investigación en Patoloxía Dixestiva do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). 30 pacientes participan, desde finais de febreiro, nun programa dirixido a achegarlles diferentes técnicas que lles poidan servir de axuda á hora de afrontar o impacto da súa enfermidade nas súas actividades cotiás, traballando aspectos como a identificación e o control das emocións, a expresión dos sentimentos, a relaxación e o control da dor e o afrontamento da fatiga.
Coordinado pola catedrática Margarita Pino, investigadora principal do grupo GIES10, e o gastroenterólogo e investigador Vicent Hernández, o taller desenvólvese en diferentes sesións semanais…