Investigadoras da UVigo achéganse ao alumnado de Primaria para dar a coñecer o seu traballo

No marco do proxecto da publicación “Quero ser investigadora”, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, organizou ao longo deste curso sete charlas divulgativas coas investigadoras protagonistas da mesma, coa que a UCC+i busca fomentar as vocacións científicas entre as nenas.

Así, o CEIP Pintor Laxeiro (Vigo), o CPR Alborada (Vigo), o CEIP Fontes Baíña (Baiona), o Colexio Apóstol Santiago Xesuítas (Vigo) e o CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela) coñeceron a historia destas dez científicas, traballaron coa guía didáctica da publicación e remataron a actividade realizando unha entrevista a algunhas delas como a catedrática Francisca Fariña, a investigadora do grupo MEDEA Iuris Ana Garriga, a científica Diana Valverde do grupo de Xenómica e Biomedicina e a investigadora e directora de Esdemga, Lola Dopico.

Utilizando a ferramenta do Campus Remoto, alumnado de diferentes cursos de primaria descubriu de primeira man o ámbito de estudo destas investigadoras, preguntou sobre o seu traballo e achegas, informouse sobre a súa carreira e incluso se animou a facer muráis, exposicións e proxectos de investigación relativos ás liñas de investigación comentadas a raíz desta interacción.

Desde a UCC+i agradecemos a implicación destes centros educativos nesta iniciativa e agardamos que máis colexios e institutos se animen a coñecer ao persoal investigador da UVigo.