DUVI | Dentro da programación da Universidade de Vigo co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, o 11 F, este xoves o campus de Ourense acolleu a celebración dunha Charla interxeracional. Investigación e saúde mental. Nela catro investigadoras da UVigo en diferentes etapas da súa carreira profesional (Ana Gil, Andrea Mouriño, Nieves Lorenzo e María Lameiras) compartiron as súas experiencias como mulleres na ciencia; analizaron as dificultades que atoparon para desenvolver a súa carreira científica, como o teito de cristal ou a fenda de coidados, e falaron sobre benestar psicolóxico.
A iniciativa forma parte do proxecto Ciencia de Ida e Volta, da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Foi presentada por Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, e Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social; moderada por Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, e contou coa asistencia de Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais.