DUVI | As investigadoras Nuria Pedrol, Carolina González Puig e María Pardo-Muras, do grupo Agrobioloxía Ambiental: Calidade, solos e plantas, acaban de obter a patente dun herbicida 100% natural de orixe biolóxica que ofrece unha alternativa aos produtos sintéticos que hai no mercado. A súa invención baséase no coñecemento do fenómeno natural da alelopatía, centrándose no efecto que exerce unha planta sobre outra a través da liberación de substancias bioactivas na súa contorna (aleloquímicos), e que ten utilidade para o control das malas herbas. A patente, que xa foi concedida á Universidade de Vigo pola OEPM (Oficina Española de Patentes e Marcas), supón unha solución sostible, duradeira, selectiva e efectiva que podería chegar a empregarse en produción ecolóxica e representar un avance inédito tanto en agricultura como no aproveitamento de recursos naturais e subprodutos nunha estratexia de economía circular.