Investigadores da UVigo desenvolverán un sistema de desinfección contra a COVID-19 empregando dispersión de líquidos con drones

Higinio González

DUVI | Na volta á “nova normalidade” trala pandemia da COVID-19, un dos retos que se afronta é a desinfección das zonas que volverán a ser usadas pola cidadanía, desde centros educativos ata parques. Investigadores da Universidade de Vigo levarán a cabo un proxecto que ten como obxectivo o desenvolvemento dun sistema de desinfección empregando dispersión de líquidos mediante sistemas aéreos non tripulados. Aproveitando a “madurez” que xa ten a tecnoloxía de limpeza con drones, o seu traballo centrarase no desenvolvemento dun sistema de información xeográfica a nivel galego e dunha metodoloxía que permita optimizar o seu uso nesta crise.

A iniciativa, que será financiada con 55.000 euros pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, é unha das oito solucións elixidas, entre as 160 recibidas, na convocatoria feita pola Consellaría de Economía, Emprego e Industria para o desenvolvemento de proxectos innovadores fronte á COVID-19.