DUVI | O docente e investigador da Universidade de Vigo Daniel Fernández Marchán acaba de sumar dúas novas especies de miñoca de terra descritas ao seu currículo, no que xa figura a súa participación de xeito máis o menos directo na descrición doutras dez especies máis. “A taxonomía é un dos puntos centrais da miña carreira e existe aínda moita diversidade por descubrir nas miñocas de terra da península ibérica” asegura Fernández Marchán, que xunto a investigadoras e investigadores da Universidad Complutense de Madrid e do Instituto de Biología Evolutiva (CSIC-UPF) participou no descrición de dúas especies de miñoca de terra diferentes a outra que xa estaba descrita, Carpetania elisae, e da que, ata o de agora, non se diferenciaran. “O descubrimento de tres especies que aparentemente eran só unha, alértanos dunha biodiversidade agochada que non podemos protexer se non é detectada previamente”, asegura o investigador da UVigo e primeiro autor do estudo publicado en Systematics and Biodiversity.
Carpetania matritensis e Carpetania complutensis son os nomes cos que se “bautizaron” as novas especies, o primeiro en referencia a que habita exclusivamente na Comunidad de Madrid e o segundo, unha especie endémica do centro peninsular, é unha homenaxe á Universidad Complutense de Madrid, na que o grupo de Zoología del Suelo estudou este grupo de especies desde a década de 1990. Estas tres especies de Carpetania son de maior tamaño que outras miñocas máis coñecidas como a miñoca vermella californiana (Elisenia fetida), e dunha cor pálida, xa que raramente saen á superficie. Mentres a Capertania elisae é a máis pesada das tres, a Carpetania complutensis é a máis longa.