Investigadores da UVigo e da Universidade de Sao Paulo realizan unha análise comparada das administracións españolas e brasileiras

DUVI Investigadores do Observatorio da Gobernanza G3, da Facultade de Dirección e Xestión Pública, traballan xunto co profesor da Universidade de Sao Paulo (USP) Fernando Coelho no desenvolvemento dun modelo de análise das administracións públicas españolas e brasileiras, que permita realizar estudos comparados sobre o desenvolvemento de políticas en diferentes eidos. Este é unha das iniciativas impulsadas no marco da estadía de investigación que realiza na facultade pontevedresa este investigador da Escola de Artes, Ciencias e Humanidades da USP, que este martes impartía unha conferencia sobre os principais retos aos que ten que facer fronte a xestión pública no Brasil.