DUVI | Debido á presión que provocan diversas actividades humanas e co obxectivo de mellorar a súa xestión e conservación, nas últimas décadas, numerosos estudos estanse a centrar nas praderías mariñas do xénero Zostera ou Posidonia, que conforman ecosistemas moi relevantes na franxa intermareal e infralitoral das costas de moitas partes do planeta. No marco do proxecto de investigación ZEUS, coordinado polas profesoras da Universidade de Vigo Celia Olabarria e Elsa Vázquez, un equipo de científicos galegos publican na revista Frontiers in Marine Science, Trade-Offs and Synergies Between Seagrass Ecosystems and Fishing Activities: A Global Literature Review, unha revisión global da literatura científica sobre as interaccións entre as praderías mariñas e actividades extractivas, como a pesca e o marisqueo.