DUVI | O deseño de estratexias de alimentación máis eficientes é un dos grandes retos aos que se enfronta a acuicultura á hora de producir peixe, unha fonte de proteínas de alta calidade destinadas a unha poboación humana que non deixa de medrar, e á que pesca extractiva non é quen de dar resposta. “O custe máis importante da produción de peixe é a alimentación. Coñecer os mecanismos que fan que un peixe coma ou non coma permitirá a medio prazo deseñar estratexias de alimentación máis eficientes, de modo que o peixe coma todo o alimento no momento e condicións óptimas para elo, de modo que non se desaproveite ningún”, explica o docente e investigador do grupo de Fisioloxía de peixes, CIM-UVigo José Luis Soengas, que xunto ao seu compañeiro de grupo Jesús Míguez, coordina o proxecto Nuevas perspectivas en la regulación de la ingesta de alimento en peces: interacciones entre mecanismos homeostáticos, circadianos y hedónicos. Cun importe total de preto de 600.000 euros, o proxecto do Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad do Ministerio de Ciencia e Innovación, conta coa participación, ademais dos investigadores da UVigo, do grupo de Neuroendocrinología de peces da Universidade Complutense, liderado por María Jesús Delgado e do grupo de Control de ingesta de peces do Instituto de Acuicultura Torre de la Sal- CSIC con José Miguel Cerdá-Reverter á fronte.