DUVI | A distribución xeográfica de varios tipos de dinosauros durante o período Mesozoico hai 160 millóns de anos é un enigma paleontolóxico sobre o que agora o artigo Climatic constraints on the biogeographic history of Mesozoic dinosaurs, publicado hoxe en Current Biology, achega importantes conclusións. Aínda que os dinosauros amosan unha distribución global, algúns grupos parecen estar restrinxidos a determinadas latitudes, e así, mentres os carnívoros (T-rex, Velociraptor e os seus parentes) e os ornistisquios herbívoros (Triceratops, Stegosaurus e moitos dinosauros de pico de pato) parecían case ubicuamente globais en extensión, con representantes recuperados mesmo na Alaska polar e na Antártida, os xigantes de pescozo longo, os saurópodos, parecían preferir latitudes máis baixas e tropicais. “A pregunta para os paleontólogos era: por que unha distribución xeográfica de polo a polo caracterizaba aos ornitisquios e terópodos, menteas que os saurópodos estaban restrinxidos a latitudes máis baixas? Sabemos que as distribucións xeográficas das especies existentes hoxe en día reflicten en gran medida a súa tolerancia ambiental: quente / frío, seco / húmido”, explican os investigadores do grupo Mapas Lab do CIM da UVigo Alfio Alessandro Chiarenza e Sara Varela, que lembran que, por exemplo, na actualidade as aves e os mamíferos teñen unha distribución case global, que se estende ás latitudes polares altas, mentres que a maioría dos réptiles, como lagartos, serpes, tartarugas, crocodilo e anfibios, limítanse principalmente a latitudes baixas máis cálidas e próximas ao ecuador.
