Investigadores da UVigo proban o uso de técnicas de fotogrametría e sistemas Lidar no mantemento de fuselaxes de aeronaves

Estudo crocaduras

DUVI | Os avións, cando voan, sofren por exemplo impactos de aves ou graínzo que producen crocaduras na súa fuselaxe. Estas crocaduras deben medirse durante as operacións de mantemento e valorar se se atopan por baixo ou por riba dos límites permitidos. Afondando neste eido, investigadores da Universidade de Vigo levaron a cabo un estudo sobre o control de crocaduras en fuselaxes de aeronaves empregando técnicas sen contacto como a fotogrametría e sistemas Lidar. Nel, apuntan os seus autores do traballo, “demostrouse como a tecnoloxía Lidar podería ser unha boa candidata para escanear determinadas partes da fuselaxe, xa que se trata dunha superficie totalmente homoxénea con boas propiedades de reflectividade”.