DUVI | Fatiga, alteracións da marcha e diminución da mobilidade funcional son algúns dos problemas aos que teñen que facer fronte as persoas con esclerose múltiple, para as que a prescrición dun exercicio físico adaptado ás súas características e necesidades pode ter un impacto positivo na súa autonomía funcional. Partindo desta idea, os integrantes do grupo de investigación Well Move (Wellness & Movement Research Group) da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte desenvolveron un estudo dirixido a coñecer os efectos nesta poboación dun programa de marcha nórdica. Trátase dunha modalidade de exercicio físico consistente en camiñar empregando uns bastóns específicos e unha técnica adecuada, que favorece a activación muscular de tronco e membro superior cunha baixa percepción de fatiga. Os resultados desta investigación, cuxas conclusións se viron limitadas pola baixa adherencia dos participantes ao programa, recóllense nun artigo que os investigadores Carlos Ayán, Iván Martínez Lemos e Daniel Martínez Aldao realizaron coa colaboración do neurólogo do Complexo Hospitalario de Pontevedra Manuel Seijo e que constitúe, sinalan, o primeiro estudo científico publicado sobre a aplicación desta disciplina como terapia de rehabilitación física en pacientes con esclerose múltiple.
Investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte publican o primeiro estudo sobre marcha nórdica e esclerose múltiple
