Investigadores de Galicia e Brasil analizan como Instagram retratou o inicio da pandemia

Rolán, Piñeiro, Versuti e Porto, nunha reunión virtual do proxecto

DUVI | Rúas completamente desertas, aplausos desde os balcóns, estantes baleiros nos supermercados… A pandemia provocada pola covid-19 deu lugar a unha longa serie de imaxes nunca vistas que milleiros de persoas trasladaron ás redes sociais e que constitúen o eixo do estudo que levan a cabo catro investigadores e investigadoras da Universidade Estadual Paulista (Unesp) e das universidades de Vigo, A Coruña e Brasilia. Coordinado polo fotógrafo e profesor da Unesp Denís Renó, o proxecto no que participa o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán céntrase na análise das 100.000 publicacións con maior número de interaccións en Instagram, difundidas en español e portugués entre marzo e maio de 2020 e que contiñan as palabras ‘covid’ ou ‘coronavirus’. Deste xeito, esta investigación financiada polo goberno do Brasil busca coñecer como a cidadanía reflexionou e opinou sobre o inicio da pandemia da covid-19, así como afondar nos efectos da fotografía, que ocupa un papel central nesta rede social, “na construción do coñecemento colectivo sobre a covid-19 no Brasil e en España”.