DUVI | O polimorfismo, que ocorre cando individuos dunha mesma especie presentan varios morfos, (diferentes aparencias externas en morfoloxía ou coloración), é un fenómeno pouco habitual, que achega “información sobre os mecanismos da evolución”, como destaca o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal e investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación) Adolfo Cordero. Analizar as orixes e os padróns evolutivos do polimorfismo de cor que se dá unicamente nas femias de diferentes especies do xénero de libélulas Ischnura foi o obxectivo do estudo que investigadores deste grupo desenvolveron xunto con entomólogos e entomólogas de México, Estados Unidos, Nova Zelandia, Colombia e Bélxica. Nun artigo publicado na revista Odonatologica, este grupo de investigadores e investigadoras documenta o polimorfismo de 44 especies e subespecies deste xénero, que á súa vez poñen en relación co sistema de apareamento de 36 especies nunha análise filoxenética que lles leva a concluír, como apunta Cordero, que “o antepasado común máis recente” deste xénero era “moi probablemente” unha especie tamén polimórfica e ademais “poliándrica”, na que a femia se aparea con diferentes machos. De feito, unha das conclusións da investigación é que a existencia de diferentes morfos nunha mesma especie dáse en maior medida naquelas que son poliándricas, xa que unha desas aparencias externas, a chamada “androcroma”, fai as femias semellantes aos machos, o que respondería a un intento de reducir a intensidade do “acoso do apareamento masculino”.
Investigadores de seis países analizan a evolución dun xénero de libélulas no que só as femias son polimórficas
