Investigadores de Vigo, Santiago, Aveiro e CSIC afirman que se comeza a ver a luz ao final do túnel na crise do COVID-19 en Galicia

Gráfico casos covid-19

DUVI | O equipo de investigadores das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Aveiro que realizou un modelo matemático que permite predicir a evolución da COVID-19 considera que xa se comeza a ver “a luz ao final do túnel”. Os profesores Iván Area (UVigo), Juan J. Nieto (USC), Delfim Torres (Universidade de Aveiro) e o estudante de doutoramento Faïçal Ndaïrou, aos que se acaban de sumar Jorge Mira (USC) e Luís Seoane (IFISC, UIB-CSIC), continuaron coas súas análises baseadas nos datos da realidade chinesa e confirmaron que o seu modelo preditivo serve perfectamente para explicar a evolución en Galicia.

O equipo comezou a traballar neste modelo para describir a propagación do virus a mediados de xaneiro, cando se coñeceron os primeiros casos de infectados en China. “Rematamos o modelo o 11 de febreiro, e fomos quen de modelizar tanto o número de persoas infectadas como o de persoas falecidas, que é unha cuestión dunha altísima complexidade”, explican. Cando comezaron os casos en Europa, lembran, “fixemos unha advertencia o día 4 de marzo, precisamente o día do primeiro positivo de coronavirus confirmado en Galicia”. Láianse de que nese momento non se tomaron en serio as súas predicións, “ tentamos facer de capitán a priori, pero con pouco éxito”.