Investigadores do campus avaliarán a xestión da auga, residuos e mobilidade de Pontevedra

Proxecto PO2

DUVI | Reunir e estruturar unha serie de datos sobre diferentes aspectos ambientais e de sustentabilidade que permitan trazar unha panorámica sobre a situación na que se atopa Pontevedra nestes eidos é o obxectivo do Observatorio PO2. Impulsado pola Concellaría de Promoción da Cidade, no marco do seu proxecto Efecto PO2, o desenvolvemento deste observatorio correrá a cargo do grupo de investigación G4+, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que traballará nos próximos meses na busca e estruturación de información procedente de diferentes fontes, a partires dun modelo integrado por 186 indicadores vinculados a cinco ámbitos de análise; auga, atmosfera e clima, residuos, mobilidade e territorio.

O sistema de información desenvolto polo grupo que dirixe o profesor Pedro Figueroa foi presentado este xoves no Concello nunha rolda de prensa na que a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, explicou que a  campaña Efecto PO2, busca “profundar no modelo de Pontevedra”, abranguendo aspectos vinculados coa mobilidade e cos seus efectos sobre o medio ambiente. Con ese obxectivo, a campaña contemplaba a creación dun observatorio, xa que, explicou, “necesitamos establecer un sistema de indicadores que nos permitise avaliar os resultados de aplicar un modelo de deseño urbano concreto”. Así, dando continuidade ao Observatorio Urbano socioeconómico que o grupo G4+ desenvolve co Concello, impulsouse un novo e “ambicioso” proxecto, como sinalou Figueroa. O obxectivo desta iniciativa…