Investigadores do campus publican un libro sobre a aplicación práctica da computación na nube e sen servidor

A publicación está editada por Springer

DUVI | Despois dunha década de desenvolvemento, por traballo ou por ocio unha elevada porcentaxe da poboación utiliza na actualidade a computación na nube e entre esta poboación está a comunidade científica das diferentes disciplinas. Fronte a este uso xeneralizado, o que non é tan habitual é que os seus usuarios sexan plenamente conscientes do potencial desta tecnoloxía. Co obxectivo de achegar ao público interesado exemplos prácticos do uso da computación na nube e a computación sen servidor, investigadores do campus de Ourense publicaron o libro Cloud and Serverless Computing for Scientists. A Primer.