Investigadores do campus transforman restos forestais en ‘biochar’ co que reducir as emisións de gases das explotacións gandeiras

DUVI | Acadar produtos cun alto valor engadido, empregando como materia prima especies forestais amplamente distribuídas no territorio galego, como o piñeiro, ou consideradas invasoras, como a acacia. Este é o principal obxectivo do proxecto de innovación EcoChar, no que participan os investigadores do Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas da Escola de Enxeñaría Forestal e que ten un dos seus eixes na fabricación, a partir de restos forestais, de biochar que poida ser empregado para a redución das emisións contaminantes das explotacións gandeiras. Coordinado pola consultora ambiental Foresin, trátase dun proxecto seleccionado nunha convocatoria de axudas da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) da Xunta de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), e nel participan tamén o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e a empresa Avícola O Marco.