Investigadores do Cinbio deseñan lentes de contacto que permiten a recollida e análise de biomarcadores lacrimais para a detección de enfermidades

Andrea Mariño é a autora principal do artigo

DUVI | A análise química das bágoas humanas cobrou unha grande importancia, nos últimos anos, debido ao enorme potencial destes fluídos como fonte de biomarcadores de diferentes doenzas. Diversos estudos sobre as secrecións lacrimais mostraron resultados prometedores na diagnose do cancro de mama, a esclerose múltiple, o párkinson ou a fibrose quística, entre outras afeccións. Porén, para trasladar estes resultados á práctica clínica é preciso facer fronte a dificultades técnicas que aínda entrañan os protocolos utilizados neste tipo de análises.