Investigadores vigueses desenvolven un inmunoensaio para a detección ultrasensible de SARS-CoV-2

Grupo de Química Coloidal

DUVI | A Universidade de Vigo segue a poñer todo o seu potencial científico na loita contra a pandemia do coronavirus. O grupo de Química Coloidal colabora co Sergas e o CSIC nun proxecto da convocatoria Fondos Supera Covid para desenvolver un test LFIA que permita a identificación ultrasensible e PoC (do inglés point of care, preto do paciente) de SARS-CoV-2.

O estudo SERS-based Lateral flow point of care immunoassay for ultrasensitive detection of SARS-CoV-2 está liderado por Lorena Vázquez-Iglesias e Jorge Pérez-Juste, investigadores do grupo de Química Coloidal. Participan tamén outros dous investigadores deste grupo (Isabel Pastoriza e Gustavo Bodelón), así como persoal do Sergas, como Alberto Fernández Villar, xefe de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro e profesor asociado, e Mark van Raaij do Centro Nacional de Biotecnoloxía. Pérez Juste explica que a principal vantaxe que tería este test sería o límite de detección, é dicir, faría posible “detectar cantidades de virus máis baixas o que, á súa vez, permitirá detectalo antes”.