DUVI | O que hai ano e medio comezou como unha consulta do docente da Adama Science and Technology University de Etiopía Sreepat Jain aos investigadores da UVigo Bienvenido Diez e Artai Santos, en relación cun estudo que estes publicaran sobre palinoloxía da localidade chinesa de Nanjing, transformouse co paso dos meses nunha colaboración, materializada recentemente na publicación en Review of Palaeobotany and Palynology dun artigo sobre o estudo do pole e as esporas do Xurásico Superior da conca do Nilo Azul en Etiopía. Aínda que o grupo ao que pertencen os investigadores da UVigo xa traballara con anterioridade en África, concretamente en Marrocos, esta é a primeira vez que desenvolven o seu labor na conca do Nilo Azul, “da que practicamente non se coñece nada da palinoloxía das súas formacións Mesozoicas, especialmente das formacións do Xurásico. O Xurásico Superior é un período clave na historia das plantas, xa que nos últimos anos varias investigacións, como a publicada por nós sobre Nanjinganthus, apuntan que a orixe das anxiospermas (plantas con flores) podería estar neste período, e non no Cretácico como se pensaba ata hai pouco”, explica Artai Santos, que sinala que, mesmo algúns autores, teñen a hipótese de que a orixe deste grupo de plantas estaría no continente africano, razón pola que, cando se lle ofreceu a posibilidade de colaborar en xacementos do Xurásico de Etiopía, non dubidaron en aceptar.
Investigadores vigueses e etíopes reconstrúen as comunidades vexetais da conca do Nilo Azul durante o Xurásico Superior
