DUVI | Pendente unicamente da presentación dos resultados en Mozambique, o proxecto Edubilmo, Formación teórica e metodolóxica, elaboración, aplicación e validación de materiais educativos no Programa de Educação Bilingue de Mozambique, chegou ao seu fin. Transcorrido máis dun ano desde que arrancou esta iniciativa, na que participan docentes e investigadores do grupo GRADES da UVigo, xunto a colegas da Universidade Eduardo Mondlane do país africano, Edubilmo desenvolveu a meirande parte das actividades previstas. “Malia as circunstancias, demos rematado todo o relacionado co obxectivo fundamental, consistente na preparación de seis guías prácticas sobre a educación bilingüe, unha en portugués e cinco en linguas bantú presentes no Programa de Educação Bilingue (PEB) actualmente activo en Mozambique”, detalla o investigador de GRADES Fernando Ramallo, que lembra que ao abeiro do proxecto tamén se prepararon catro glosarios terminolóxicos nas cinco linguas, sobre humanidades (282 termos), ciencias (206 termos), zooloxía (103 termos) e saúde (65 termos).