DUVI | Nos últimos dez anos, o Grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo centrou unha das súas liñas de traballo na fabricación de plataformas sensóricas altamente eficientes, baseadas en SERS (do inglés Surface enhanced Raman Scattering), unha potente técnica de análise químico ultra-sensible, que non só permite a detección, senón tamén a identificación de substancias químicas de interese. Non obstante, o grupo de investigación, desta volta liderado pola docente e investigadora Isabel Pastoriza Santos enfronta o reto de traballar con substancias químicas perigosas en fase gas. O porque deste novo desafío é a participación do grupo en SERSing, un consorcio europeo de oito entidades de cinco países “co obxectivo principal de desenvolver un dispositivo portátil (lab on a chip) para a detección rápida e in situ, e a identificación inequívoca de riscos químicos a baixas concentracións en fase gasosa e líquida en múltiples ambientes”, explica Pastoriza, que avanza que o dispositivo contará con algoritmos avanzados, que combinado con localización xeográfica e comunicación, permitirá o procesado e transmisión de datos a persoal autorizado, que poderá avaliar riscos e tomar decisións en tempo real.