Un ano máis, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo colaborou co Programa universitario de maiores (PUM) para levar a cabo a actividade de Embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento.
Esta iniciativa, enmarcada dentro do plan anual da UCC+i “Ciencia de ida e volta”, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, permite que as alumnas e alumnos do PUM se convertan en divulgadores por un día.
Nesta terceira edición do ciclo, celebrada esta semana, realizáronse dous relatorios de cinco estudantes sénior en cafeterías de Vigo e Pontevedra. Para achegar un respaldo científico, o alumnado contou co asesoramento e as achegas do persoal investigador da propia Universidade de Vigo con experiencia no ámbito concreto. Xuntos traballaron ao longo de varias semanas para realizar charlas dinámicas, instrutivas e moi orixinais.
Facendo ciencia para aprender, en Vigo
O pasado mércores celebrouse a primeira charla en Vigo, no bar Cañaveral. Titulada Facendo ciencia para aprender, correu a cargo dos alumnos Felipe Alconada Martín, Alfonso Castro Gómez e Constantino García Ares. Os alumnos contaron co apoio da súa mentora, Iria Feijoo Vázquez, docente na Área de Ciencia dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da Escola de Enxeñería Industrial e investigadora do grupo de Enxeñaría de Corrosión e Materiais (Encomat). Na cita tamén estivo presente Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo; e Carmen María Abreu, a coordinadora do PUM.
Felipe, Alfonso e Constantino achegáronnos ao mundo da física e da química con experimentos moi orixinais e sorprendentes. Ademais, puidemos coñecer as propiedades do aire, e a capacidade dalgúns materiais de recuperar a súa forma inicial, entre outros moitos coñecementos.
A saúde e a sanidade en primeira persoa. Experiencias e preocupacións
En Pontevedra a cita foi o xoves 20, en La Gramola. Desta volta, as alumnas Carmen Pérez Tilve e Carmen Novas Casal, asesoradas pola docente e enfermeira Paz Diéguez Montes, emocionaron aos asistentes coas súas experiencias laborais. Historias de superación e supervivencia, nun ámbito, o sanitario, no que a o tempo corre demasiado á présa e moitas veces é preciso conter as emoción. Auténticas loitadoras que viviron tempos difíciles.
Neste interesante coloquio, o alumnado do PUM tamén estivo acompañado pola súa coordinadora, Ana Acuña, e pola vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva Lantarón.