Nenas e nenos do Colexio Pintor Laxeiro coñeceron ao persoal investigador da Universidade de Vigo

Charla Francisca Fariña

A Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Univesidade de Vigo organizou, a petición do CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro de Vigo, unha serie de charlas e entrevistas online con investigadoras e investigadores da institución educativa. Con motivo da celebración do “Mes da Ciencia en Galego” por parte do centro de ensinanza, preto de 170 nenas e nenos de entre 4º e 6º de primaria coñeceron o traballo de sete investigadoras e investigadores a través da ferramenta do Campus Remoto.

Por un lado, descubriron a importancia da lingua de signos a través dunha conversa con Inmaculada Báez do grupo GRILES; coñeceron as características da lamprea mediante un relatorio con Manuel Pombal do grupo NeuroLam; afondaron nos organismos que habitan os nosos mares mediante unha charla con Eva Teira do grupo de Oceanografía Biolóxica; e falaron sobre saúde con Lourdes Maceiras do grupo de Medicina e Saúde Pública.

Por outro lado, estiveron traballando na clase coa publicación “Quero ser investigadora” e a súa guía didáctica, rematando a actividade coa realización de entrevistas a algunhas das protagonistas do libro. Así, achegáronse á psicoloxía xurídica coa catedrática Francisca Fariña, á protección de datos e ás novas tecnoloxías da man de Ana Garriga do grupo MEDEA Iuris ou á xenética a través dunha entrevista con Diana Valverde do grupo de Xenómica e Biomedicina.

Agradecemos a implicación do alumnado e profesorado do CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro e agardamos que máis centros se animen a coñecer ao persoal investigador da UVigo.