DUVI | Pioneiro no uso de grafeno e referente mundial en nanotecnoloxía, o profesor da Universidade de Michigan Nicholas Kotov (Moscova, 1965) converteuse este luns no vixésimo noveno doutor honoris causa da Universidade de Vigo. Fíxoo nun acto de investidura celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e apadriñado polo seu grande amigo, o catedrático Luis Liz Marzán, da man de quen visitou por primeira vez a Universidade de Vigo no ano 1996. Dende entón a conexión e colaboración entre os laboratorios que ambos lideran ten continuado, de xeito ininterrompido ata hoxe, data na que, tras pronunciar o seu discurso de ingreso na Universidade de Vigo, xurou solemnemente “defender e respectar todos os dereitos desta universidade en calquera parte do mundo”, así como “favorecela e axudala cantas veces se lle demande”.