Noemí Montenegro triunfa en Debut 2021 cunha homenaxe á súa avoa

Colección gañadora de Debut 2021

DUVI | Unha colección que presenta como unha homenaxe a súa avoa, inspirada nas lembranzas que garda da súa figura, converteu este xoves á egresada do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Noemí Montenegro na gañadora do premio ao mellor deseño e creatividade de Debut 2021, o desfile no que os novos titulados e tituladas de Esdemga presentan as coleccións que constitúen os seus traballos de fin de estudos. Despois de que a covid-19 impedise a súa celebración o pasado ano, o Pazo da Cultura acolleu a edición deste desfile con maior número de proxectos finais, un total de 21, entre os que se atopaban tanto os traballos de fin de mestrado defendidos nos últimos meses como unha selección dos defendidos o pasado curso e que a pandemia impedira estrear sobre a pasarela do Pazo da Cultura.