O acollemento familiar en España está sometido a unha regulación excesiva e isto pode prexudicar o interese do menor

Guillermo Iruegas, autor da tese

DUVI |  En España a protección de menores está regulada por catro leis nacionais, unha quinta que vén en camiño, e dezasete normas autonómicas diferentes, unha regulación moi fragmentada e a todas luces excesiva. Así o considera o avogado Guillermo Iruegas Prada (Vigo, 1991), autor da tese de doutoramento Protección xurídica do menor. Especial referencia ao acollemento familiar de menores, un estudo no que se constata unha clara falta de seguridade xurídica arredor desta figura derivada, sobre todo, da indefinición de algúns conceptos e da excesiva fragmentación da súa regulación. “Ao non determinar a Constitución o titular da competencia, tanto as comunidades autónomas como a Administración do Estado atribuírona para elas  a través de distintos preceptos, o que xerou unha sobrerregulación a todas luces excesiva”, explica o autor da tese, ao tempo que salienta que toda esta fragmentación provoca conflitos entre as distintas administracións e retrasos nas tramitacións e nas resolucións, “o que prexudica os intereses dun menor en crecemento”.