O alumnado de Bioloxía busca logos e relatos cheos de inspiración científica

Concurso de relatos Bioloxía

DUVI | É posible relacionar arte e ciencia, creación artística e estudos biolóxicos? O alumnado de Bioloxía que integra a delegación Lynn Margulis quere demostrar que si. Por este motivo e co obxectivo de atopar os mellores logotipos e relatos curtos elaborados pola comunidade universitaria, acaban de convocar dous concursos creativos baseados no seu ámbito de coñecemento, a bioloxía.

Para espertar a imaxinación dos membros da Universidade de Vigo, o xurado dos certames entregará seis premios, tres en cada categoría, cos que repartirán un total de 460 euros en vales regalo de 120, 70 e 40 euros. Ademais das recompensas económicas, a organización subliña que se trata de dúas propostas novas que supoñen unha grande oportunidade para a comunidade da UVigo, polo que agardan “que teñan unha boa acollida e moita participación”. Así mesmo, aseguran que a idea é que estes concursos teñan continuidade e poidan convocarse noutras ocasións, sumando incluso modalidades.