DUVI | Aínda que en moitas ocasións poida asociarse unicamente coas fake news, a problemática da desinformación abrangue tamén a distribución a través das redes sociais e aplicacións de mensaxería doutra serie de contidos, desde os totalmente inventados a aqueles que, cunha determinada intencionalidade, presentan unha realidade nesgada, pasando por intentos de suplantar a identidade dunha persoa ou institución ou a manipulación de vídeos ou fotografías. Dar a coñecer os diferentes tipos de desinformación existentes e as ferramentas que a cidadanía ten ao seu alcance para verificar a información é o propósito dos diferentes vídeos que, ao longo deste cuadrimestre, o alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual difunde a través das redes sociais.