O asistente virtual Saves constátase como a ferramenta máis innovadora para o cooperativismo galego

Mª José Cabaleiro, Covadonga Toca, Manuel Reigosa e César Gándara

DUVI | Estímase que en Galicia existen entre 1300 e 1400 cooperativas que representan arredor do 7% do PIB. Pero a información sobre cooperativismo e economía social en Galicia, na actualidade, atópase dispersa en diversas fontes estatísticas, tratada de xeito diferente en cada unha delas e sen ningún tipo de continuidade nas publicacións. Estes son algúns dos motivos que levaron aos profesores da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais María José Cabaleiro e Carlos Iglesias a poñer en marcha anos atrás unha investigación que se concretou en Saves, o Asistente Virtual do Cooperativismo e a Economía Social. Tras máis dun ano con esta plataforma en funcionamento, os seus impulsores presentaron este martes todos os traballos feitos, entre eles, os catro informes que tiñan que elaborar no marco do proxecto.